Letras Galegas e Políticos.

A riqueza dun país pódese medir a través da análise de diferentes indicadores (PIB, PNB, Renda per capita…), case sempre facendo referencia á economía e á produtividade, aspectos importantes nesta sociedade na que vivimos. Pero de ningunha maneira podemos reducir a vida ou a política a aspectos meramente de índole económica, non debemos de caer na simplificación maniqueista daqueles que aluden a que o único que lle importa ás persoas é a comida, a saúde e o ter traballo. Non vou ser tan mentireiro de negar que estes son os aspectos máis importantes para a gran maioría de cidadáns, pero non son os únicos; existen outros que están aí, latentes, residentes na nosa conciencia e que afloran cando as necesidades básicas están resoltas.

Creo que tanta campaña electoral está a pasarme factura. O son xordo dos vendedores de fume, dos malos comerciais de votos, empézame a tocar en certas partes. Podería dicirvos que me dá pena que a pasta de papel sirva para conter o lixo que os programas electorais xeran, as ideas sen sentido expostas como brinde ao sol, mensaxes forza aliñados coas ínfulas de calquer papaostias  que se erixe en caudillo dun xentío de fans con data de caducidade. Cero proxectos realistas, cero propostas concretas, cero planificación… 

E entón chegan á túa man programas que falan de empobrecer máis ao teu país, de irrealidades, de situacións utópicas, de quimeras producidas talvez polos excesos etílicos dunha noite cos compañeiros de gabinete planificando campañas absurdas. Non hai máis parvo que o que di bobadas, nin máis mentireiro que o que se cre as súas propias mentiras. Afortunadamente algúns sabemos a verdade.

En Galicia o Español non está discriminado, nin perseguido, aquí non se impón o Galego. Dígoo para os que non se decatan, para os que non len os datos de uso dos idiomas en Galicia. Un Estado que tenta impoñer un idioma obviando a riqueza cultural do seu territorio é un Estado de mediocres, de cohibidos, de nostálxicos dun imperialismo trasnoitado e perdido. Sei que moitos destes políticos non teñen nin idea de historia, que descoñecen a orixe da nosa lingua, do noso pobo… Élles máis fácil navegar pola ignorancia que lerse un libro. Menos mal que teñen “negros” escribíndolle os discursos ou que os seus másteres son agasallos de vasalaxe!. É triste ver que ningún destes eruditos falabaratos, tertulianos de calquera televisión a soldo teñen as suficientes luces para entender que España é un Estado Plurinacional, onde poden existir diferentes nacións con culturas e idiomas propios. Talvez se lesen un pouco saberían a diferenza entre os conceptos Estado e Nación.  

Pero o máis divertido prodúcese cando enarboran a bandeira da igualdade de oportunidades para o acceso na función pública, tentando eliminar o resto dos Idiomas Co-oficiais para impoñer o Español. Aí si, aí ínchaselles o peito. Eu pregúntome onde quedan os meus dereitos como administrado a ser atendido e contestado pola Administración no Idioma Co-oficial da miña Comunidade Autónoma?

Pallasos desta índole e pelame levan séculos tentando cargarse a nosa identidade, de mil e unha formas, con todos os medios ao seu alcance, mesmo co uso da violencia, co adoutriñamento sanguento que nas aulas producían os golpes nos cotobelos. Pero para a súa mala sorte un idioma, unha lingua non desaparece mentres existan persoas que a falen, persoas que a defendan, escritores que escriban, editoriais que impriman libros, consumidores lectores que os merquen, mestres e familias que o ensinen aos máis pequenos. Por iso, queridos amigos estades fodidos no voso empeño de aniquilar o Galego.

Hoxe celebramos o “Día das Letras Galegas”, celebramos a riqueza cultural do noso país, celebramos que posuímos un elemento propiamente noso, algo que nos diferencia pero que á vez nos irmá, tanto co Español como co Portugués ou Catalán; linguas latinas irmás que deberían de respectarse e entenderse. Lamentablemente hai varias partes nesta ecuación que non queren ou que non están interesadas en face lo e empéñanse en auto destruír o patrimonio inmaterial. O odio non conduce a nada bo, tampouco o supremacismo nin o minifundismo mental.

Autor: meidingaliciacom

Cosas hechas en Galicia

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s